30/01/2009

XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

O VINDEIRO LUNS DÍA 2 DE FEBREIRO TEREMOS UNHA XUNTANZA AS 11:00 NA BIBLIOTECA, PARA ELEXIR A NOVA LECTURA DO MES.
ESPERÁMOSVOS A TODOS

29/01/2009

WEBQUEST: XANEIRO MES DA PAZ



Desde a Biblioteca Escolar do CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra) achégannos unha proposta excelente para avanzar na educación documental do alumnado. Esta webquest: xaneiro, mes da paz, está pensada, segundo o equipo da biblioteca, para 2º/3º ciclo de primaria, pero nalgúns centros tamén a van empregar para 1º ciclo de ESO. Agradecemos a xenerosidade do profesorado que comparte este recurso co resto das bibliotecas escolares, nunha dinámica de traballo absolutamente contextualizada no tempo e na realidade máis brutal.

PAZ E POESÍA

Estes días en que moitas bibliotecas escolares galegas traballan intensamente na preparación de actividades relacionadas coa poesía para contribuír á necesaria reflexión arredor do Día da Paz, o noso recanto fai tamén a súa contribución con este fermoso texto de Antonio García Teijeiro:


Choven balas
Seres berran
Arden vilaS
Queiman leiras
Caen nenos
Chora a terra
Xeme o pobo
Pingas negras
Cicatrices
Dor vermella
Destrución
Chuvia cega
Berros tristes
Dor marela
Choven balas
e miseria
Noite fría
Tristes guerras
ace o medo
Chora a terra.
Antonio García Teijeiro, Chove nos versos

22/01/2009

CONCURSO DE CALIGRAMAS

Chegounos un correo coas bases do certame de caligramas que convoca o IES Castro da Uz (As Pontes). Pego aquí o texto para a vosa información co desexo de que vos animedes a participar. Veña, ánimo.









1.- Consideramos “caligrama” un texto, xeralmente poético, no que se emprega a disposición das letras ou palabras, a tipografía ou a caligrafía para tentar representar o contido do poema.

2.- Poderá participar calquera estudante, de primaria, secundaria, ensinanza post-obrigatoria ou ciclos formativos.

3.- Cada concursante participará con un caligrama, orixinal e inédito. As obras non irán asinadas e o tema será: “isto lino nos libros”. Baseándose en citas de libros, deixarán voar a imaxinación para elaborar o seu caligrama.
4.- Os caligramas non superarán as dimensións dun folio DIN A4 e poderán presentarse manuscritos ou a ordenador.

5.- O prazo de admisión de orixinais remata o 3 de abril de 2009. As obras presentaranse no IES Castro da uz –en horario lectivo- ou enviaranse ao enderezo: IES Castro da uz, Rúa José María Penabad s/n. (cp 15320), As Pontes, indicando no sobre “Para o 3º Concurso de Caligramas”.

6.- O caligrama non irá asinado; identificarase cun pseudónimo. Meterase nun sobre xunto a un folio que conteña a seguinte información: pseudónimo e nome e apelidos do autor ou autora do caligrama, enderezo persoal ou do centro de ensino, teléfono de contacto, correo electrónico e D.N.I. -se tivese-, así como o colexio no que estuda e o curso.

7.- O concurso está dotado cos seguintes premios:
Primeiro Premio: reprodutor DVD portátil
Segundo Premio: un iPod

Así mesmo elaborarase un libro con todos os caligramas presentados e entregarase un exemplar aos centros nos que estean matriculados os gañadores.
As obras pasarán a ser propiedade da biblioteca do IES Castro da uz e cos caligramas presentados realizarase unha escolma para seren colocados na biblioteca do Centro.

9.- O Xurado estará constituído por membros do claustro de profesores do IES Castro da uz e a súa decisión será inapelable. O fallo realizarase na penúltima semana de abril de 2009. O resultado será notificado aos gañadores e aos centros nos que se encontran matriculados vía e-mail, telefónica.

10.- O feito de participar no certame supón a aceptación das presentes bases.Pública Municipal

¡¡¡SORTE A TODOS E A TODAS!!!

Grupo de Biblioteca do IES CASTRO DA UZ a 12 de xaneiro de 2009.

21/01/2009

30 DE XANEIRO 2009: DÍA ESCOLAR POLA PAZ


O vindeiro 30 de xaneiro de 2009 celébrase o día escolar pola paz, proclamado polas Nacións Unidas, no día do aniversario da morte de Gandhi. Con motivo desta celebración o Seminario Galego de Educación para a paz www.sgep.org, elabora materiais que nos poden ser utiles para conmemorar este día!
Aí vai como mostra este cartel tan chulo!!

15/01/2009

XUNTANZA DO CLUB "MERLÍN E AMIGOS"



O vindeiro luns día 19 de xaneiro, as 11:00 da mañá , na Biblioteca, celebrarase unha xuntanza cos membros do grupo A do club, para poñer en común as nosas opinións sobre a lectura escollida neste mes "CARTAS DE INVERNO" de Agustín Fernández Paz.
Esperámosvos a todos. NON FALTEDES!!!!

14/01/2009

LIBROS DO MES DE XANEIRO

CARTAS DE INVERNO
Agustín Fernández Paz

Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier desde un, para ela, descoñecido lugar: Doroña (Vilamaior). No interior inclúense unha carta e outro sobre máis pequeno coa lapela de cerre reforzada por unha fita adhesiva. Na carta, Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre fechado e que, se antes dunha semana non volve recibir outra misiva súa, llo entregue ó Inspector Soutullo da Comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre. No seu interior aparecen unhas cartas que lle foran remitidas a Xabier polo seu amigo o pintor Adrián Louzao, e que el tardará tempo en recibir por mor dunha longa estadía en Quebec.
No epistolario Adrián fala dos estraños sucesos que está a vivir relacionados coa súa nova casa, e pídelle axuda ó seu amigo


CALZADOS LOLA
Suso de Toro


Calzados Lola é un relato mítico de iniciación no que o heroe, tamén a heroína, teñen que andar un camiño para gañar un coñecemento: quen son eles verdadeiramente, a través de coñecer a súa historia familiar oculta.
En Calzados Lola relátanse varias investigacións: a do desfalco dunha empresa, a dun pasado familiar, a de como construímos a nosa identidade. Varias historias contadas e suxeridas. Vidas veladas, o desvelamento da vida. O pasado e o presente, os pais e os fillos e os avós, os vivos e os mortos. Unha viaxe á orixe, unha escapada. O odio e o amor, a morte e a resurrección. Dúas novelas, unha de suspense e acción que nos arrastra na súa viveza,. e outra densa e fonda que conta a crise, esfarelamento e reconstrucción da identidade persoal. Un libro que conta, coa sensibilidade de hoxe, historias tan vellas como a xente. Unha novela atlántica.