CONTOS DA BIBLIO

POR CAMILA M. F. (3º ESO)


O PODER DOS LIBROS


       
  Son moitos os misterios que pode gardar un lugar tan simple como unha biblioteca. A esta conclusión cheguei despois de vivir unha das experiencias máis surrealistas da miña vida. Son Teo e teño 14 anos. Vivía daquela na Coruña, un lugar marabilloso onde os haxa. O mar, as praias, as interminables rúas e a orientación da cidade hacia a Torre de Hércules creaba nesta localidade unha sensación única. Agora vivo en Vimianzo pero gustaríame regresar alí. A min gustáme ler. Dende pequeno lía todo tipo de libros, pero os que non faltan na miña biblioteca son os clásicos de Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo. Eu adoitaba frecuentar unha biblioteca pública na que podía pasar horas lendo e investigando sobre moitos temas en xeral. Sempre fun un neno moi curioso. No mes de xuño, mentres todas as persoas, nenos, nenas e familias enteiras disfrutaban das vacacións na praia, eu estaba completamente só na biblioteca. Mentres lía o último capítulo de
O lapis do carpinteiro dinme conta de que un estraño ruído proviña dende un dos andeis. Tras levantarme do cómodo asento no que me situaba, comecei a revolver e examinar unha morea de libros. Os sons seguían soando, cada vez máis forte. Dinme conta de que o que soaba eran os interiores dos libros. Decidín abrir un, era Memorias dun neno labrego e, de súpeto, o son das follas do bosque e unha voz que dicía claramente "Balbino" invadiron os meus oídos. Despois abrín Ollos de auga onde o aroma e o sonido do mar que viña das diferentes páxinas transportábanme ata a illa de Toralla. E así con todos os demais. Pareceume algo incrible e emocionante para un amante da lectura como eu. Comenteille isto a Don Manuel, o bibliotecario. El colleu todos as obras que eu lle sinalaba pero non mostraba ningunha expresión de sorpresa ou abraio. Tras moito insistir, o ancián miroume e díxome:


- Pode que sexa certo, Teo, aínda que eu non podo percibilo. Sempre houbo neste lugar esa lenda. Un rapaz coma ti, hai uns vinte anos, afirmou sentir o mesmo e ninguén o creu. Viviu anos e anos pensando que tiña voces na súa mente ata que ao final descubriu que a súa paixón polos libros facía que puidese percibir todas as sensacións de cada historia da maneira máis realista posible, a través dos sentidos. Non llo podes contar a ninguén xa que non te crerán e lembra que só manterás este don se continúas lendo coa mesma paixón coa que o fixeches todo este tempo.


Agora que boto a vista hacia atrás, non sei moi ben se todo iso que me dixo Don Manuel era verdade ou simples conxecturas dun vello. É verdade que sigo escoitando cousas e decidín seguir os seus consellos. É por iso que busco a aquel rapaz que viviu o mesmo que eu hai uns vinte anos, para poder aclarar todas as dúbidas que teño. Do que estou seguro e de que, pase o que pase, continuarei lendo todo o que poida, xa que considero que poder facelo é o maior don que calquera poida ter.

Comentarios

Publicacións populares